
ANDAINA E CEA DIFERENTE EN PROL DE PROYDE
O pasado venres 22 de maio, no colexio La Salle Santiago levouse a cabo unha actividade do máis especial!
Un grupo de profesores e profesoras mais un gran número de familias da nosa comunidade educativa, participaron nunha iniciativa en prol de Proyde e o Proxecto Fratelli que se está levando a cabo no Líbano. Para comezar, dous autobuses arrancaban ás 16:30 do noso colexio, cargados da ilusión dos participantes, para deixarnos na saída do que sería unha fantástica andaina. Comezamos no Monte do Gozo e o destino sería o patio do noso centro escolar. Con gran entusiasmo, e entre conversas, xogos e cancións, unhas 125 persoas fixemos o camiño acompañados dunha patrulla de Protección Civil.
Ao chegar ao noso destino puidemos cargar as nosas baterías e desfrutar dun pequeno refrixerio con produtos do Comercio Xusto e auga fresca. Foi un momento moi agradable onde puidemos conversar e coñecernos todos e todas un pouco mellor. A continuación, tivemos unha videoconferencia moi especial cun cooperante do proxecto Fratelli no Líbano. Foi un momento que nos axudou a entender e a dar un sentido real ao obxectivo do que estabamos a facer.
Tras un pequeno descanso protagonizado por xogos e moita troulada, sobre todo por parte dos máis pequenos, dirixímonos ao comedor colexial para gozar dunha deliciosa cea libanesa que non tería sido posible sen o inestimable traballo dos nosos compañeiros e compañeiras de SERESCA. Entre comida, sorteos e moito cariño e amor pasamos un estupenda xornada na que todos os cartos que se recadaron irán dirixidos ao Líbano e a este proxecto tan especial que Proyde está levando a cabo alá.
Grazas a todas as persoas que dun xeito ou outro participaron, colaboraron e fixeron que estas iniciativas se poidan levar a cabo no noso colexio con ambiente tan familiar.
Iso é o que somos, unha gran familia comprometida e unida!







