
ESTÁS NA CASA!
Durante o curso 2021-2022 imos afondar en dous valores profundamente cristiáns e que de diferentes formas, adaptándose sempre ao momento cultural concreto, se viviron na historia lasaliana: A ACOLLIDA E A ACEPTACIÓN. Dous termos diferentes, mais complementarios.
Non se trata de dous valores novos, estiveron presentes en toda a historia da humanidade, aínda que as circunstancias actuais fan que neste momento estean de actualidade. A razón non é outra que a gran diversidade que caracteriza a nosa sociedade. Diversidade en todos os aspectos que poidamos imaxinar, diversidade que hoxe en día é vivida como riqueza, pero que ao mesmo tempo supón un reto, pois ata hai algunhas décadas a nosa sociedade era máis ben monocromática e o diferente ou diverso era visto normalmente como unha ameaza para o sistema.
A diversidadeen todos os planos da nosa vida púxonos de manifesto a necesidade de traballar e afondar nas actitudes de acollida e aceptación daquel que percibimos como “diferente”. Se ata hai pouco a diferenza era vista case como unha provocación, hoxe a diferenza vese como a “normalidade”, pois todos, dalgún xeito, somos diferentes.
Só desde a acollidae aceptación do outro podemos construír a nova civilización do amor, por iso é importante que nas nosas obras dediquemos tempo, esforzo…a afondar nelas como actitudes fundamentais do cidadán do século XXI.
Desde a nosa historia
San Xoán Bautista de La Salle soubo proxectar este valor en todo o seu itinerario de vida e en todas e cada unha das iniciativas que puxo en marcha::
- Organizou as escolas populares abertas a todas as clases sociais
- Fundou unha institución con vocación de progreso e de universalidade
- Escribiu libros sabios e variados, con ideas innovadoras
- Sementou inquietudes que se prolongaron máis aló da súa morte
- Prestou o seu nome a un movemento que segue vivo no mundo
- Ata as súas obras pedagóxicas e espirituais testemuñan que foi capaz de ser creativo partindo da realidade que viviu no día a día
- Só ao final do seu camiño, mirando atrás deuse conta perfectamente que nacera un Instituto de educadores cristiáns. Viu que escribira dúas ducias de libros para estes educadores e para os escolares .
- • Tamén comprendeu que se trataba de algo novo e dinámico, e pediu aos que o seguiron que non se acovardaran, xa que a necesidade educativa era inxente e urxente.
No momento actual “La Salle” opta de xeito claro pola acollida e a aceptación de todas aquelas persoas que conforman o que se deu en chamar a diversidade e cada unha das súas manifestacións. No “Carácter Propio dos Centros La Salle” son moitas as referencias explícitas ou implícitas a esta realidade e as respostas que desde a nosa rede de obras lle intentamos dar.
Nun momento no que dalgún ou doutro xeito ambos valores están sendo cuestionados, é importante que reafirmemos a nosa aposta pola acollida e a aceptación como xeito de vivir e entender a diversidade que caracteriza á sociedade actual.
Alguns dos obxectivos que nos propoñemos dende a perspectiva da acollida e aceptación son:
OBXECTIVOS XERAIS
● Afondar e poñer en valor o sentido de pertenza á unha única especie, a humana, resaltando e valorando aquilo que nos une máis que o que nos separa.
● Recoñecer a diversidade como unha fonte de riqueza tanto a nivel persoal, como social.
OBXECTIVOS PARA OS EDUCADORES
● Educar na autonomía como conformación dun tipo de persoa con pensamento e criterio propio.
● Potenciar o traballo cooperativo como forma de favorecer a inclusión de todos nos procesos de ensino-aprendizaxe.
OBXECTIVOS PARA OS ALUMNOS
● Axudar os nosos alumnos/as a tomar conciencia de como viven a acollida e a aceptación na súa vida diaria.
● O recoñecemento positivo da diversidade e da súa necesaria presenza e cultivo no día a día da obra educativa.
OBXECTIVOS PARA AS FAMILIAS
• Afondar na importancia do exemplo e o testemuño persoal no tema da acollida e a aceptación da diversidade.