Bacharelato

Esta etapa é de carácter non obrigatorio e comprende dous anos académicos onde deseñamos un itinerario formativo no que o alumnado cursa materias de carácter troncal e de opción, así como unha serie de materias específicas que os capacitan para acceder a un ensino universitario ou superior.

Acompañamos os nosos alumnos durante esta etapa, na que continuará a súa formación académica e o seu crecemento persoal desde a educación en valores, e dentro do marco da pedagoxía lasaliana. Terán a oportunidade de prepararse a fondo para o acceso á universidade ou a un ciclo formativo de grao superior.

Traballaremos xuntos para preparar a fondo a proba ABAU e para que a formación sexa o máis integral posible. Por iso, desde unha visión holística, na escola lasaliana buscaremos o desenvolvemento de todas as dimensións que nos conforman como persoas: a racional, a emocional, a espiritual, a interioridade, os valores...

O seguimento próximo que se fai do alumnado ten varios alicerces que son garantía de éxito para canalizar este proceso de madurez. As familias do noso centro dispoñen dunha comunicación próxima e frecuente co equipo de titores da etapa, así como co coordinador e o equipo de orientación. Grazas á plataforma Sallenet os pais e educadores poderán facer un primeiro achegamento á realidade do alumno (asistencia, traballo no aula, resultados de exames…) así como axilizar as canles de comunicación para as incidencias máis habituais. A través deste mesmo sistema, os alumnos teñen acceso á información da súa propia evolución académica e aos materiais das clases.

En Bacharelato os titores fan un seguimento persoal de cada alumno, con entrevistas individuais e de pequeno grupo para axudalos a mellorar naqueles aspectos nos que se percibe marxe para iso.

Para acompañar o crecemento persoal e profesional dos alumnos dispoñemos, tamén, dun servizo de orientación académica moi competente que asesora sobre intereses profesionais, técnicas de estudo, planificación do traballo e coida aspectos fundamentais nos alumnos como a autoestima, as habilidades sociais e a superación. O equipo de orientación, xunto coa ANPA, organiza unha feira de universidades e unha semana de orientación profesional con presenza de profesores de universidade, pais e ex-alumnos moi ben valorada polos propios alumnos.

A sa convivencia escolar é un obxectivo prioritario que coidamos día a día nas formas de relación entre os alumnos e o resto da comunidade educativa. Para completar a vida académica ofrecémoslles experiencias culturais, deportivas e artísticas para poder viaxar, crecer culturalmente e abrir a súa mente a novas formas de lecer e goce estético. Isto enriquece a persoa e fai que os alumnos que estudan en La Salle teñan a oportunidade de ser persoas completas e íntegras preparadas para a vida.

O acompañamento é especialmente importante cando o alumnado procede doutro centro escolar. Neste caso o labor dos titores é esencial, e plásmase na atención individualizada que a titoría ten nesta etapa, e que é unha opción colexial.
O colexio La Salle aspira á excelencia académica de todos os nosos alumnos. Entendemos a excelencia como a mellora e potenciación dos talentos de cada un dos nosos alumnos. Poñemos o noso maior empeño en conseguir que cada alumno poida estudar o que desexa. Somos expertos en levar ao seu máximo nivel ao maior número posible de alumnos.

Para ilustrar a nosa forma de ver a excelencia, mostramos os datos do curso 2018-19: Este ano cursaron 2.º de Bacharelato 123 alumnos. Deles presentáronse en xuño á ABAU o 96%, conseguindo o 100% de aprobados en dita convocatoria. 23 dos alumnos da promoción foron recoñecidos publicamente pola Universidade de Santiago de Compostela, o 4 de xullo de 2019, por ter unha nota de acceso maior a 9 puntos sobre 10. Todo un logro!

Alumnos do colexio La Salle de Santiago subcampións do concurso de debate Parlamento Xove. Sería a democracia directa un mellor sistema que a democracia representativa? este é o tema que os alumnos tiveron que debater na final da liga de debate Parlamento Xove organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se celebrou no Parlamento de Galicia. Nesta fase final enfróntanse os oito mellores equipos de toda Galicia que superaron unha fase clasificatoria previa que tivo lugar no mes de marzo en Culleredo. Os dous equipos de Bacharelato e o equipo de cuarto da ESO que se presentaron representando o colexio La Salle clasificáronse para esta fase final. O equipo formado por Xabier Pardo, Salvador Rendo, Alejandro Alvarellos e Ángela Murga obtivo o título de subcampións nunha final moi disputada que se celebrou no Hemiciclo do Parlamento de Galicia. Á súa vez, Alejandro Alvarellos levou o premio ao mellor orador.

O colexio La Salle ten moi claro que saber falar en público e as habilidades sociais que isto implica, son competencias necesarias para a futura vida profesional dos seus alumnos. Por iso dálle unha importancia fundamental á oratoria. Desde hai xa varios anos participa en diversos programas educativos destinados a este fin. Ademais do Parlamento Xove, a principios de maio, Mencía González, Lucía Muiño, Alba Gendra, Alberto Romarís, Alejandro Vidal e Paul Phillips, foron seleccionados para participar no programa simulación das Nacións Unidas, CWMUN (Change the World Model United Nations) celebrado en Barcelona e integramente en inglés, sendo os únicos galegos que gozaron desta incrible experiencia con outros mozos de todo o mundo.

A oratoria e o debate estimúlanse en todos os nosos estudantes, de feito, preto de 60 alumnos de primeiro de Bacharelato participaron no Modelo de Parlamento Europeo. Deles, Iván Salsón, Laura Buono, Iago Villanueva e Guillermo Soto foron seleccionados para a Fase Nacional celebrada na cidade de León. Hai que destacar tamén, que os alumnos de segundo de Bacharelato, Avelino Casal e Fermín Rey, foron escollidos como presidentes desta sesión grazas á súa excelente actuación no ano anterior. Avelino irá tamén como presidente á Fase Internacional que se celebra en novembro en Malta.

En palabras de Laura:
“O Modelo de Parlamento Europeo foi unha experiencia enriquecedora e, en poucos días, puidemos debater moitos temas de interese político e social, ademais de ter a sorte de coñecer a persoas de todos os recunchos do noso país".

Ciencias da Saúde

Neste itinerario as materias centrais serían as relacionadas coa Bioloxía. As Matemáticas son a materia troncal obrigatoria e enténdense como materia instrumental e auxiliar doutras como a Física ou a Química.

Como deixa intuír o nome, as saídas recomendables sitúanse no ámbito da saúde (Fisioterapia, Enfermería, Medicina, Farmacia…) e no ámbito experimental (Química, Matemáticas, Bioloxía…). É tamén o itinerario que deben realizar os alumnos que se encamiñan a un Ciclo de Grao Superior da familia da Sanidade

Tecnoloxía

Este é un itinerario científico con materias características como son o Debuxo Técnico e a Tecnoloxía Industrial, a materia troncal obrigatoria é, do mesmo xeito que no itinerario anterior, Matemáticas. Está pensado para alumnos con gusto pola ciencia aplicada.

As saídas lóxicas serían as carreiras técnicas tales como Enxeñerías ou Arquitectura e tamén capacita para carreiras experimentais como Matemáticas ou Física. Os Ciclos Formativos de Grao Superior desta rama de coñecemento son moi variados e pertencen a familias como Informática e Comunicacións, Electricidade e Electrónica, Edificación e Obra Civil, etc.

Ciencias Sociais

Este sería o itinerario vertebrado basicamente en torno á Economía, ás Matemáticas Aplicadas e ás Ciencias Sociais (esta última é a materia troncal obrigatoria). As materias de economía tratan da vida cotiá da empresa incluíndo contidos de contabilidade e marketing. O abanico de saídas universitarias que ofrece é moi amplo. É o itinerario que debes elixir se os teus intereses xiran arredor de ámbitos como os negocios (Economía, ADE…), as leis (Dereito, Relacións Laborais, Ciencias Políticas…), a comunicación (Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Publicidade…) ou a educación (Maxisterio, Educación Social…).

Tamén é o itinerario para cursar Ciclos Formativos de Grao Superior das familias de Administración e Xestión, Comercio e Marketing, Hostalaría e Turismo e Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Humanidades

Este é o itinerario propiamente de Letras, o que explica que teña como materia vertebral o Latín que é a materia troncal obrigatoria. Ademais realízase unha panorámica da Historia do Mundo Contemporáneo, da Historia da Filosofía e da Historia da Arte.

Este itinerario é o que hai que escoller para cursar estudos de Filoloxía, Belas Artes, Historia… Tamén permite o acceso a algúns Ciclos Formativos de Grao Superior das familias de Artes Gráficas e Hostalaría e Turismo.

Elección de modalidade para 1.º de Bachillerato
Elección de modalidade para 2.º de Bachillerato

Desde o curso 2015-2016, o colexio La Salle utiliza dispositivos iPad en Bacharelato. Unha ferramenta que supuxo revisar a nosa metodoloxía para ser máis eficaces no traballo e no estudo. Tamén para estimular a intelixencia dos alumnos e a súa vontade de aprendizaxe. O seu uso permítenos abordar estratexias máis complexas de pensamento. Desde a perspectiva do profesorado, axúdanos a adaptarnos ao ritmo de traballo de cada alumno.

O proxecto dixital é un recurso que se demostrou efectivo á hora de complementar o libro tradicional. Abre máis fiestras ao mundo e dá a profesores e alumnos a oportunidade de explorar en tempo real calquera área do coñecemento. Temos a seguridade de que se está mellorando tamén a calidade das propias aprendizaxes.

Invitamos os alumnos a facer un uso racional e ético da tecnoloxía, a ser máis protagonistas da súa propia aprendizaxe, a desenvolver a creatividade e traballar de forma cooperativa. Sabemos que é a liña que mellor os prepara para o mundo universitario e profesional. En definitiva, para a sociedade do século XXI.

Todo isto non sería igual de eficaz sen Sallenet. Ademais de ser un instrumento de comunicación, é tamén unha ferramenta de ensino e aprendizaxe (Moodle). Combinamos os usos transmisivos, interactivos e colaborativos para que os alumnos se aproveiten de toda a potencialidade das tecnoloxías da información e a comunicación e poidan alcanzar os obxectivos de cada materia. Ten o valor engadido de que anticipa perfectamente a contorna moodle que van atopar os alumnos na maior parte das universidades.

Horario semanal

Luns Martes Mércores Xoves Venres
8:30-9:25
9:25-10:15
10:15-11:05
11:05-11:35 Recreo
11:35-12:25
12:25-13:15
13:15-14:05
14:05-14:55
16:00-16:50
16:50-17:40