Aprendemos con Godly Play!
No colexio La Salle Santiago estamos a traballar en clave NCA (Novo Contexto de Aprendizaxe). Buscamos que o noso alumnado experimente unha aprendizaxe real e significativa e para iso estamos innovando e utilizando variadas metodoloxías.
Esta semana as nenas e nenos de primaria teñen a sorte de poder recibir as primeiras sesións de Godly Play. Isto é unha metodoloxía que pretende que o noso alumnado se achegue ao relato bíblico dunha maneira máis experimental. O Godly Play está baseado nos principios do método Montessori. Este enfoque invítalles a explorar a súa fe a través de narracións por parte do noso profesorado especialista nas que, ademais de palabras, tamén se usan símbolos e obxectos. Tras escoitar unha historia, os nenos e nenas deciden por si mesmos a forma de responder a ela xa sexa por medio dunha narración propia, xogos, mapas ou a súa propia expresión creativa (debuxo, pintura, modelado, escritura…).
Neste momento, na nosa escola contamos cun equipo de seis profesoras de infantil e primaria especialistas nesta metodoloxía. Ademais, temos unha aula especial Godly play, preparada e acondicionada exclusivamente para levar a cabo estas sesións tan especiais.