Observa, pensa e crea!
Desexando estabamos de volver ás tardes dos entornos de internivel!
En pensamento lóxico, seguimos coa proposta de xogos de lóxica para que os nenos e nenas desenvolvan capacidades á vez que se divirten.
Nesta ocasión imos comezar por utilizar pauciños de cores. Con eles traballaremos a motricidade fina, a lóxica, a atención e concentración; sen deixar de lado a estimulación da creatividade unha vez avancemos na complexidade e os nenos e nenas entenden como é o xogo, para así, coa súa imaxinación, lograr crear moitas máis figuras das propostas.
As actividades inícianse con tarxetas de formas sinxelas a imitar, en función da capacidade dos nenos e nenas. Unha vez dominado este primeiro nivel, iremos incrementando o nivel de dificultade ata o punto no que eles sós compoñan formas e figuras creativas.
Xogaremos con cantidades, con cores, coa intelixencia visual-espacial, coa capacidade de observación e atención.
Só estamos comezando e agardamos ir descubrindo xogos, habilidades e espertar estratexias que resolvan, xuntos, estes pequenos retos.
LUISA PÁJARO
Mestra de Educación Infantil