
Parlamento Xove, a arte da palabra
A algúns alumnos de bacharelato propúxosenos a comezos deste ano participar no Parlamento Xove, a competición de debate académico que organiza a Xunta de Galicia. Para algúns de nós era a primeira vez, outros xa repetían; porén, todos aprendimos algo novo con esta experiencia.
Este programa de competición, que está orientado a alumnos de ESO e Bacharelato dos centros educativos de Galicia, ten como obxectivo ofrecer aos máis novos unha ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento académico e persoal: a oratoria.
O noso colexio, presentou dous equipos, un formado por: Iria Rey, Lola Abeijón, Ana García e Andrés Collantes, co profesor Xan Guillén como coordinador e un segundo equipo conformado por: Alma Martínez, Hugo Varela, Blanca Noya e Candela Bengoa tutorados por José Feijóo.
Ante a pregunta formulada: debería existir unha regulación para ser youtubers e influencers que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente? Estivemos meses de traballo buscando información e indagando en todas as consecuencias das distintas posturas. Tras o esforzo e a dedicación ambos equipos obtiveron a súa recompensa, pois o noso colexio vai estar duplamente representado na fase final desta competición; quedando de segundos e sextos na clasificación xeral respectivamente. Ademáis Blanca Noya e Andrés Collantes foron galardoados co premio de mellores oradores.
Após esta fase clasificatoria, ambos equipos debaterán no hemiciclo do Parlamento de Galicia. Ata aquela serán meses de intenso traballo e palabras, palabras e máis palabras.

