Intercambio con París
Nin a cancelación do noso voo, nin a chuvia, nin a folga xeral de Francia, nin as vinte horas de autobús nos impediron viaxar a París o pasado trece de marzo. Con certa incertidume pero moitas ganas, subímonos ao bus ás doce do mediodía. Tras ese tempo, moitas conversas, cancións diversas, cabezadiñas e algunha que outra parada polo camiño, chegamos por fin a Versalles ás seis da mañá. Para repoñer forzas, tomamos un croissant e en canto abriu o colexio, deixamos as maletas, démoslles unha aperta aos nosos correspondentes e fomos pasar o día a Disney. Puidemos subir en diferentes atraccións e desfrutar da maxia do universo de Mickey. Tras un día intenso, volvemos ao colexio para marchar á casa do noso correspondente. Intensa foi o resto da semana tamén, con clases de inmersión, conversación, titoría e moitas visitas. Así pois, pasamos un día en París onde puidemos apreciar a maxestosa Tour Eiffel, paseamos polos Campos Elíseos, visitamos o museo de Orsay, demos un paseo polo Bateau Mouche e, por suposto; entramos no Palacio de Versalles. Cantas emocións e vivencias concentradas en sete días. Sen dúbida a despedida foi dolorosa, pero a experiencia quedará nos nosos corazóns para o resto da nosa vida.
Ana Roel