Cos desexos preparados
O proceso de escribir a carta aos Reis Magos é unha actividade moi emotiva e un dos momentos máis especiais que os nenos e nenas comparten na aula.
O escrito con destino a Oriente ten que ir moito máis alá dunha enumeración de desexos con forma de agasallo. O seu valor pedagóxico é incalculable cando traballamos na reflexión do desexo e a necesidade de bens materiais e inmateriais, xa que un agasallo non ten por que ser sinxelamente un obxecto.
Ademais dese traballo en valores, toma un especial protagonismo o traballo de expresión escrita. Esas primeiras cartas tan motivadoras convidan os nosos pequenos e pequenas ao traballo na conciencia fonolóxica, a correspondencia grafema-fonema e a coordinación motora suficiente para expresar, coa maior claridade posible, a suma dos nosos desexos do Nadal.
E se ademais podemos expresalo e compartilo a nivel grupal, mais valor terá cada un dos nosos desexos.