
Como ramilletes de dedos coloridos
“Non é a vida só unha serie de imaxes
que cambian a medida que se repiten?”
ANDY WARHOL
Onde outros só vían imaxes repetidas, Warhol o mito neoiorquino, transformaba a realidade cotiá nunha proxección artística a toda cor.
Cando aos 8 anos o pequeno Andy quedou fisicamente limitado por unha enfermidade e as portas da súa casa foron pechadas ao xogo na rúa, os seus pais decidiron abrirlle unha enorme xanela cara ao mundo da expresión e a arte.
Mito e xenio na corrente do Pop Art que transformou o recordo dun xantar habitual durante 20 anos, nunha icona artística chamada “Latas de sopa Campbell” (1962). Coa súa técnica da copia, multiplicou famosas obras como a Gioconda ou o retrato de Marilyn en series fotográficas de cores animadas.
É certo, como ben di o autor, que vivimos nesa rutina visual, onde unha serie de imaxes como fotogramas, repítense dunha maneira case idéntica. E se miramos ao noso redor, poucas cousas existen tan próximas e repetidamente observadas como as nosas mans.
Da mestura das tres cores primarias, sen pinceis, sen brochas, só coas nosas pequenas mans, reproducimos o vitalismo que Andy nos transmite a través dos seus cadros.
A superposición de cores creando orixinais composicións, transforman as nosas pequenas manciñas en tenros ramalletes de dedos coloridos que salpican os nosos pequenos sorrisos.
SONIA FRANCO
Mestra de Educación Infantil





