Premio na XXVIII Edición do Francisco Añón
O Concello de Outes entregou o 17 de maio os XXVIII Premios Francisco Añón de Poesía, no que participan, en diferentes categorías, centos de escritores e escritoras de todo o país.
Entre as persoas galardoadas nesta edición está MARINA URRUTIA GARCÍA, alumna de terceiro de ESO, que gañou ex aequo a súa categoría (14-16 anos) co poema “A poesía está viva/viva a poesía”. No poema, Marina reflexiona sobre a orixe e o percorrido histórico deste xénero literario tan vivo e tan vivido. Rastrexa as pegadas de Homero e Safo e chega a Shakespeare e a Rosalía. Reflexiona, para rematar, sobre o fin último da creación literaria como expresión do sentimentos humanos.