Mirade, chegou!
Desde casa, en zapatillas e envoltos na mantiña para compartir un tempo en liña. Pero tamén facendo oco para actividades de activación, meditación e tempo interior. Por suposto que atopando un tempo para convivir e compartir con aqueles que teñen Grupo. Incluso vivindo algunha celebración e tempo de oración ao carón doutros…
Así puideron vivir algúns alumnos de 2.º de bacharelato, profesores e familias da nosa comunidade educativa (desde a casa ou meditando profundamente nun paseo matutino e compartindo a eucaristía como Grupo) unha nova edición do Encontro Natus.
Máis de 120 persoas anotadas de Portugal, Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Euskadi, Aragón, Andalucía (e moitas outras que, sen estalo, seguiron as celebracións por internet) viviron o pasado 26 e 27 de decembro o tempo no que estamos, a esperanza que renace, o Neno que chegou.
O encontro ofreceu experiencias persoais e de Grupo de interiorización, oración coa arte, activación do corpo e meditación, celebracións na distancia… Destacamos o sopro inspirador do Espírito a través do testemuño e oración compartida coa Comunidade de Irmás Trinitarias de Suesa (Cantabria) ou as oracións en liña ás que nos puidemos unir por Youtube coas comunidades lasalianas de Girón (Valladolid), Barcelos (Portugal) ou Palencia.
Por suposto que houbo tempo para reunirse en grupos por idades (desde os 18 anos ata os 75 do participante máis maior) e compartir, rompendo o xeo da distancia e a pantalla, nalgúns grupos virtuais (ou presenciais) organizados na mañá e a noite do sábado ou o intre de café compartido na tarde do domingo.
Quedamos con algunhas claves vividas e oídas… Se queres podes. Dedícalle tempo a Deus, ata que o recoñezas de lonxe. E, por suposto, sigamos contaxiando a esperanza do Neno que naceu e sigamos lendo esta época, este tempo, a situación actual para aprender, recoñecer e deixarnos atopar por Deus.