Parlamento Xove na ESO
- Categorías Actualidade, Secundaria
- Data Xuño 4, 2020
Durante os últimos meses estivemos a preparar o Parlamento Xove, dedicámoslle moita ilusión e aprendemos moitas cousas.
Somos Ada Quintela, Marta Seoane, Xosé Manuel Rodríquez e Silvia Lafuente, os alumnos de 4.º ESO que tivemos a oportunidade de poder participar nesta edición da liga de debate organizada pola Consellería de Xuventude.
Comezamos a preparar a fase clasificatoria coa seguinte pregunta:
Deberiamos aumentar as sancións, as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente?
Grazas á exhaustiva investigación que fixemos sobre o tema en cuestión, puidemos formar e fortalecer a nosa opinión baseada en sólidos argumentos. Por suposto, puidemos defendela, tanto a favor coma en contra, a pesar da dificultade que isto supuña ás veces.
Todo comezou cando o nosa profesora de Filosofía, Mónica de Soto, propuxo a intención de participarmos. Dende ese día, xuntámonos todos os xoves con ela e co resto de participantes dos equipos de Bacharelato.
Chegou o día e fomos a Culleredo. Fixemos tres debates con distintos colexios de Galicia. Sentímonos tremendamente orgullosos cando quedamos clasificados segundos de toda Galicia con 453,5 puntos. A nosa estancia no Centro Residencial da Coruña non só nos trouxo o pase á final no Parlamento de Galicia, senón tamén a satisfacción de que Xosé Manuel Rodríquez gañou o Premio ao Mellor Orador.
Para a fase Final cambiamos de sistema, xa que polo confinamento tivemos que pasar a facer todo telematicamente. Quedounos a pena de non poder debater no hemiciclo do Parlamento de Galicia.
Temos que agradecerlles aos alumnos de segundo de Bacharelato, Ángela Murga e Xabi Pardo a súa axuda. Sen eles nada disto sería posible.
A verdade é que esta experiencia proporcionounos beneficios: aprendermos a traballar en equipo e mellorarmos a nosa oratoria.
Paga a pena a experiencia!