Xornadas de sensibilización
As nenas e nenos de infantil e primaria estiveron dedicando os primeiros días de curso a realizar unha serie de actividades e dinámicas de sensibilización.
A volta ao colexio sempre é un momento moi especial de reencontros e anécdotas compartidas entre alumnado e profesorado. Para moitos dos nenos e nenas son días de cambios e adaptacións tanto ao novo curso, coma aos novos compañeiros e compañeiras mais profesores e profesoras. É por isto, que consideramos moi importante dedicar uns días ás xornadas de sensibilización.
Durante estes primeiros días, o alumnado ten a posibilidade de reflexionar e de levar a cabo un acercamento e unha convivencia cos outros nenos e nenas mais co seu profesorado. Realízanse numerosas actividades e dinámicas nas que o alumnado participa de forma activa e creativa. Neste momento xa temos as aulas e os corredores cheos de cor e de fermosas mensaxes de agradecemento, xa que o lema deste curso escolar 2023-24 é “GRACIÑAS”, e aproveitamos a ocasión para insistir na importancia de ser agradecidos polo que nos rodea.
Agora xa estamos listas e motivadas para este curso que acaba de comezar, e con moitas ganas e ilusión para levar a cabo todas as ideas e proxectos que temos preparados!