Programas La Salle - Ulises

Programa de Estimulación Temperá en distintos ámbitos do desenvolvemento

Área redes neuronais

O noso obxectivo é a estimulación e enriquecemento das estruturas neuronais que facilitan a entrada e o tránsito de información audio-visual. Estas estruturas formarán redes organizadas que permitirán que o pensamento e o coñecemento flúa con maior eficacia no presente e no futuro. Para iso dispoñemos dun tempo crítico (2 a 7 anos).

Utilizamos o procedemento ideado por Glenn Doman nun programa de elaboración propia que conta con máis de mil bits de información visual e dez mil de información auditiva organizada en distintas categorías do saber: ciencia, arte, natureza, sociedade, personaxes, etc.

Contamos cunha versión de estimulación neuronal en clave lectora, Sensor. Trátase de utilizar estímulos verbais ou palabras, vinculados ao obxecto que representan, para xerar imaxes coas que relacionar o proceso lector cando se inicie de xeito formal (sistema fonolóxico - silábico).

Área psicomotriz - Circuítos para o desenvolvemento da lateralidade

Estimulación do desenvolvemento senso-neuro-motriz en tempo crítico (3 a 7 anos).

Este programa baséase no desenvolvemento natural do sistema nervioso do ser humano ata alcanzar a madureza que permite a funcionalidade do mesmo, respectando a diversidade de ritmos e peculiaridades. Trátase de acompañar e favorecer dito proceso propoñendo de forma dirixida posturas, movementos e desprazamentos debidamente secuenciados para unha boa coordinación perceptivo - motora e o establecemento dunha lateralización axeitada. Este é un dos procesos de desenvolvemento básicos non só a nivel de prevención senón tamén como facilitador de destrezas tanto de coñecemento (direccionalidade ou referentes espaciais) como motrices (ritmo, equilibrio ou axilidade), persoais (orde ou seguridade) e sociais (autocontrol ou regulación).

Área perceptivo-cognitiva

Estimulación para o desenvolvemento de capacidades cognitivas e a automatización dunha secuencia de pensamento lóxico.

O noso obxectivo é traballar cos nosos nenos e nenas desde o comezo da súa escolaridade un dos ámbitos de desenvolvemento que tradicionalmente se veu vinculado á escola, pero que se asociaba a idades posteriores polo seu compoñente abstracto: comprender, razoar, resolver problemas, etc. A experiencia dinos que desde moi tempera idade os nosos nenos identifican, comparan, relacionan e toman as súas decisións. Na área perceptivo - cognitiva axudámoslles a poñer palabras ao que significa pensar, ás distintas formas de pensar e como se fai. Pretendemos dotalos de rutinas e destrezas de pensamento que poidan aplicar ás distintas situacións que lles toque vivir. Pretendemos xerar hábitos de pensamento que lles permitan aprender a pensar e a aprender en clave de lóxica e razoamento.