
Somos Salle Xove
- Categorías Actualidade, Pastoral, Salle Xove
- Data Xuño 5, 2020
Esta Comunidade Educativa ten moito de familia por todo o que vivimos e compartimos, e non só nas aulas durante as clases, senón tamén fóra delas. Durante as tardes de grupos, o colexio enteiro: os seus corredores, as súas aulas, o seu patio, os computadores e proxectores, os equipos de música, as pelotas, as cordas e os conos cobran unha vida moi diferente. Agora todo é unha gran casa na que os membros desta familia numerosa entran, saen, xogan, rin e comparten vida… E todo ese río de vivencias flúe cara a Pastoral.
É entón cando se establece esa conexión especial entre mozos e animadores. Unha maxia grazas á que estes últimos tentan acompañalos nas súas experiencias de vida, rindo con eles e apoiándoos nos momentos difíciles.
Comezamos setembro coas tardes de xogos ás que todos os nenos do cole estiveron convidados. Nelas, os nenos de 5º e 6º de Primaria gozaron de actividades e xogos que os mergullaban no marabilloso e imaxinario mundo de Astérix e Obélix. Os mozos de 1º e 2º de ESO, con todo, que facer fronte a uns divertidos xogos de cidade polas rúas de Santiago.
En outubro chegou o encontro galáico- portugués de Barcelos. Durante unha fin de semana, máis de cen rapaces de La Salle Santiago e doce animadores xuntámonos cos mozos de Portugal para divertirnos de xeito abondo e seguir compartindo vida nas instalacións do cole de Barcelos. Foi unha fin de semana memorable…
As semanas sucedéronse cos encontros semanais nos que mozos e animadores reuníanse unha vez por semana e compartían lecturas, xogos, confesións… crecendo en espírito baixo o exemplo e ensinos de san Juan Bautista de La Salle.
En Nadal decoramos o cole e corredores do primeiro piso e os nosos lugares de reunións e colaboramos na Campaña de recollida de alimentos. E os maiores, os nosos mozos de segundo de bacharelato, universitarios e adultos tivemos do 27 ao 29 de decembro o Encontro Natus en Bujedo (Burgos), no que 11 membros da nosa comunidade educativa puideron participar en experiencias de interioridade e fe neses días tan sinalados.
E estabamos case a piques de montarnos no bus, a fin de semana do 13 e 14 de marzo, con destino ao Encontro de Proposta (3º e 4º da ESO) en Valladolid, cando tivemos que cancelalo todo ante as medidas de confinamento derivadas da pandemia.
As noticias que nos alarmaban día tras día e a situación dramática que a sociedade estaba a vivir nese momento foi a razón principal pola que decidimos continuar os nosos encontros por videoconferencias: para sentirnos unidos, para apoiarnos para darnos esperanza e alento e para rirnos un intre tamén.
Os animadores tamén fixeron un vídeo cunha mensaxe moi clara de esperanza: No verán, volveremos a Bujedo... Viva Salle Xove!
E quedámonos con esa promesa para o próximo curso!











Tamén che pode interesar
