Segundo con gusto… polo comercio xusto
O alumnado de segundo de primaria xunto coas profesoras do nivel organizou un mercado solidario como parte dun interesante proxecto no que estiveron inmersos nas últimas semanas.
Vivimos nunha sociedade consumista na que continuamente compramos produtos acerca dos que poucas veces nos preguntamos sobre a súa procedencia. En xeral, non nos ensinaron a reflexionar e interesarnos pola orixe dos produtos que consumimos e as condicións de traballo das persoas que participan na súa produción. As nenas e nenos de segundo de primaria estiveron a investigar sobre isto, afondando especialmente no comercio xusto e no sentido e nas vantaxes que presenta así como os motivos polos que debemos apoialo e fomentalo.
O produto final do proxecto foi a organización dun mercado solidario no que cada clase se encargou da elaboración dun produto: 2ºa fixo uns preciosos chaveiros, 2ºb uns simpáticos apoia vasos e 2ºc unhas coloridas pulseiras. O alumnado, coa axuda das súas profesoras, elaborou os produtos correspondentes de principio a fin. Desta forma, foron conscientes das materias primas precisas, dos factores que debemos ter en conta á hora de establecer un prezo e do esforzo e traballo que se necesita para que as cousas queden ben. Cando todo estivo listo, anunciaron o proxecto do mercado e, para a súa alegría, foi todo un éxito. As familias e membros de profesorado non dubidaron en participar e mercar os produtos que os nenos e nenas fixeron con tanta dedicación e entusiasmo. Recadaron un total de 275 euros a favor de Proyde e que serán destinados para axudar a Ucrania nesta delicada situación na que se atopa.
Tódalas persoas deste centro sentímonos moi orgullosas do traballo que se levou a cabo e felicitamos tanto ás nenas e nenos coma ás súas creativas profesoras!