Plantemos as bases, sementemos futuro
O luns 7 de marzo comezou no colexio a semana dedicada a afondar na campaña de PROYDE deste ano 2022.
Baixo o lema “Plantemos as bases, sementemos futuro” estivemos a traballar o ODS 7 centrado no acceso a unha enerxía accesíbel, segura, sostible e moderna e o ODS 13 que fala das medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos.
Comezou a semana co colexio cheo de lixo: corredores e escaleiras estaban repletos de papeis e algún que outro plástico. Dende a ONG queriamos facer reflexionar ao alumnado sobre como moitas veces non nos damos conta dos residuos que xeramos e o custo que isto ten para o noso planeta. Continuamos a semana co traballo de aula adaptado para cada curso e nivel.
Como ven sendo tradicional, nesta semana celébrase o Día do Bocata. Nesta ocasión, debido ás medidas establecidas contra a COVID-19, tivemos que adaptarnos e facer o Día do NON Bocata. Alumnado e profesorado compartimos durante o tempo do recreo unha peza de froita e unha chocolatina de Comercio Xusto para recadar cartos para o noso proxecto no Líbano. Non queremos deixar pasar a ocasión de agradecer a toda a Comunidade Educativa a súa implicación e axuda para levar a cabo todas as iniciativas que se fan dende PROYDE. Nesta ocasión de maneira especial a SERESCA e a ANPA pola súa aportación económica para Fratelli.