
Os meus avós e avoas tamén foron pequenos!
A semana pasada puidemos vivir un emocionante momento no noso colexio!
As nenas e nenos de segundo de primaria estiveron varias semanas traballando no proxecto “Os meus avós tamén foron pequenos”. Unha emocionante aventura a través da cal o alumnado aprendeu de onde son os seus avós e avoas e analizou cales son as súas raíces. Ademais, puideron aprender sobre festas e tradicións populares, música, cancións e danzas, mais deportes e xogos de antes. Os nenos e nenas quedaron moi sorprendidos e sorprendidas tras darse conta do diferente que era a vida antes e do sinxelo que pode ser xogar e divertirse construíndo os nosos xoguetes e utilizando a nosa imaxinación.
O momento máis especial chegou cando lle enviamos unha invitación ás nosas avoas e avós para que viñeran a pasar unha tarde ao colexio con nós. A participación foi todo un éxito. Os nosos maiores ensináronlles aos nenos e nenas xoguetes de cando eles eran pequenos e deixaron que os probaran e xogaran con eles.
Foi un momento moi agradable, de emocións e ledicia por parte de avós, avoas, netos e netas. A sorpresa máis emocionante foi cando as profesoras anunciaron que, para pechar o encontro, todos e todas estaban invitados a unha chocolatada.
Estamos convencidas de que estes momentos de compartir tempo, en familia, nunca se esquecerán e debemos de mantelos e fomentalos sempre.
Gracias a todas as familias pola súa participación, e ás profesoras polo traballo, organización e implicación durante todo o proceso!




