Nova aula de música
Presentámosvos a nova aula de música do colexio. Durante o pasado curso habilitouse un novo espazo a partir da antiga sala de música de Primaria e Audiovisuais 3. Máis metros cadrados e plano máis regular para que os alumnos teñan a oportunidade de tocar, bailar e traballar co son. Ao carón da cafetería e da biblioteca, está nunha zona moi accesible e, ao mesmo tempo, apartada das clases e as aulas de exames para que o volume da música non interrumpa ás outras materias.
Dotada de grandes armarios onde se almacenan con facilidade todos os instrumentos escolares do colexio, adquiriuse tamén un escenario transportable que permitirá dende o traballo coral, coreografías e ata a interpretación con instrumentos de placa.
Conta ademais cun potente sistema de son aportado pola xestión da ANPA colexial e dous cañóns para non perder detalle dende todos os puntos da aula. Agradecemos o compromiso da Asociación de Pais e Nais para mellorar, ano tras ano, os recursos musicais do colexio. Varios dos instrumentos e do equipamento xa foran adquiridos en partidas anteriores.
Estas dúas semanas as clases de 3º de ESO xa empezaron a traballar dun xeito máis práctico, que é como se aprende e se colle gusto pola música. Desgraciadamente, mentres dure a pandemia, os instrumentos aerófonos seguen prohibidos pero con imaxinación e gañas, a música sempre sobrevive.
Esperemos que o novo espazo continúe sendo canteira de novos talentos e aficionados á música en xeral.