Na lembranza dun bo profesional e excelente amigo
Na tarde do xoves, día 8, festa da Inmaculada, o noso amigo Manuel Miramontes Fandiño (Mestre Bartolo), entregaba a súa alma ao Creador, despois dunha longo vida, xenerosamente posta ao servizo da cultura galega, na especialidade de gaita, como profesor e construtor.
Nunha viaxe en tren de Santiago á Coruña, atopouse co director do colexio La Salle, daquela Irmán José María Valladolid. Logo de darse a coñecer, o director quedou tan cativado que lle propuxo comezar a impartir gaita no centro, como actividade extraescolar, e así foi.
Desde 1970 ata 2005, o Mestre Bartolo e máis tarde a súa filla Rita e a súa nora Montse estiveron impartindo gaita, baile e pandeireta no colexio. O grupo reducido que comezou foise incrementado de modo que tivo un gran apoxeo entre os anos 1978 a 1984 con dous grupos de gaiteiros: avanzados e iniciados que chegou a alcanzar o número de 50 persoas.
Entre estes anos a Escola de Gaita La Salle foi seleccionada para representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) por catro veces, e dúas veces máis para participar no Festival de Nantes (Francia). Actividades tamén dignas de mención foron as visita a centros de La Salle en Palencia, Valladolid, Bujedo e do outro lado do Miño, Barcelos e Braga. Facilitou este auxe o feito de o colexio ter internado. Cando desapareceu este o número de membros da Escola de Gaita e Danza foi reducíndose ata a súa desaparición no ano 2005.
Con todo a familia Miramontes seguiu vinculada ao colexio para actividades puntuais onde as gaitas e o baile enchían de ledicia e colorido actos como: as Festas Colexiais, a ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres, día de Exaltación do Traxe Galego…
Con estas liñas queremos amosar ao Mestre Bartolo e á súa familia a nosa grata lembranza e sincero agradecemento polo labor desenvolvido no Colexio durante 35 anos.
Adeus irmán, que se abran sos ceos.
Adeus, irmán, que sexas feliz
Na despedida pedímoslle ao Pai:
Paz e Alegría sen fin para ti.
Ir. Xosé Francisco Martínez Reboiras