Maricarmen Sende, grazas por tanto!
- Categorías Actualidade, Colexio
- Data Xuño 10, 2020
Unha nova andaina logo de décadas axudando a MEDRAR
Carlos Hierro
Al final de este viaje en la vida quedará
nuestro rastro invitando a vivir…
Al final del viaje está el horizonte,
al final del viaje partiremos de nuevo,
al final del viaje comienza un camino,
otro buen camino que seguir…(Silvio Rodríguez)
Nunca hai un final que non sexa, á vez, un principio, o inicio dunha nova xeira, a oportunidade dun goce novo, dunha nova aprendizaxe.
Vén, a profesora Mari Carmen Sende, de comezar unha etapa nova, unha nova andaina logo de décadas axudando a MEDRAR a un bo fato de nenas e nenos que pasaron polas súas aulas e que habitan, xa para sempre, o seu corazón.
Esta profesora de tacones y bolso (esta foi unha descrición feita por unha alumna) deixa tras de si unha pegada de un exemplo de seriedade e rigor no traballo, de rectitude no seu proceder, de ledicia e afabilidade na relación humana e profesional.
No Colexio entrara unha mociña chea de ilusión para facerse cargo de nenas e nenos de primaria (cantas veces esquecemos da importancia do bo facer nos primeiros anos da vida escolar dos cativos...). Gañando madurez e experiencia, non deixou que o tempo lle levase o amor pola profesión, a responsabilidade co alumnado e familias, o sorriso permanente e, sobre todo, o seu amor incondicional ao Colexio e o respecto e cariño a todos os compañeiros e compañeiras, tanto docentes coma ás persoas de administración e servizos.
Entrementres, tivo tempo, ademais, para atender aos seus fillos (que formaron parte tamén da familia lasaliana), a un compañeiro de andaina (a quen tampouco lle faltou nunca un sorriso e unha palabra amigable para todos nós); de iniciar e promocionar -xunto co seu irmán- o concurso de tortas nas festas do Colexio; de formar parte do elenco de bailaríns que iniciaron o “baile de profesores e profesoras” nos Festivais da Danza...
Agora toca recoller o froito dunha semente que, sen dúbida, frutificou e seguirá frutificando por moito tempo.
GRAZAS por tanto!