
Imos ao teatro!
Durante as últimas semanas, as aulas do primeiro nivel de primaria convertéronse en espazos de explosión artística. Como parte dun novo proxecto NCA, as nenas e nenos estiveron creando as súas obras de teatro e fabricando fermosos monicreques e escenarios para a súa representación.
O profesorado e o alumnado deste nivel comezaron aprendendo diversos contidos relacionados co mundo das marionetas a través da visión de distintas obras e da manipulación de simpáticos monicreques que tivemos a sorte de xuntar nas aulas. A partir de aí tocou poñer a proba a imaxinación e a creatividade para, en grupos cooperativos, deseñar distintas obras de teatro. Os nenos e nenas sentíronse moi emocionados ante a oportunidade de poder crear a súa propia obra, inventando as súas propias personaxes e contextos.
O traballo cooperativo ensina ao noso alumnado a escoitar, a tolerar e a respectar as distintas opinións. Tamén aprenden a importancia de chegar a acordos para intentar dar a mellor resposta posible aos distintos retos que se lles propoñen. Crear unha obra de teatro en grupo cooperativo é todo un desafío e o noso alumnado non o puido facer mellor!
O día da presentación oficial da obra, ademais de desfrutar do contido da mesma, o profesorado puido observar un produto final que era o resultado de moitas horas de traballo en equipo e no que se reflexaron a mellora en distintas competencias esenciais para o desenvolvemento da persoa.


