Formación sobre seguridade viaria para o alumnado de 3.º ESO
Dentro do Plan de Atención Titorial (PAT) do colexio coordinamos diferentes actividades formativas de modo vertical. Deste xeito, nos últimos cursos de Primaria, durante a etapa de ESO e no curso finalista de segundo de Bacharelato, o alumnado recibe charlas sobre as normas de circulación e desprazamento urbano, adaptando cada sesión ás circunstancias da idade.
Nesta ocasión, dous membros da Brigada de Seguridade Viaria da Policía local de Santiago de Compostela introduciron os nosos alumnos e alumnas de 3.º da ESO nos aspectos máis importantes referidos á mobilidade dentro e fóra da cidade.
Explicáronlles as características de uso dos monopatíns eléctricos, das bicicletas e doutros medios de comunicación que adoitan usar á súa idade. Ademais, salientaron as principais infraccións que adoitan cometer ao usaren estes vehículos.
Na segunda parte da sesión, informáronos sobre os permisos de conducir que van necesitar para conducir algúns vehículos motorizados e fixeron especial fincapé nas medidas de protección que deben adoptar para salvagardar a súa vida se algún día teñen un accidente de tráfico. Provocou certa emoción entre o alumnado un vídeo moi realista sobre un accidente de tráfico rodado en Santiago.
Dende logo, tanto as explicacións que recibiron como os vídeos que tiveron ocasión de ver serviranlles para non cometer os erros cando usen algún vehículo que tanta dor provocaron en moitas persoas e familias.