Facendo dun calcetín un mundo por descubrir
Moito antes de que xurdise o cinema e a televisión, existen as marionetas como ferramenta para narrarlles historias aos máis pequenos e pequenas. Nunca pasan nin pasarán de moda, e como medio pedagóxico son incriblemente competentes.
É no noso INTERNIVEL DE EXPRESIÓN ORAL E COMUNICACIÓN onde este marabilloso recurso toma especial protagonismo. Partindo dun calcetín e unha variada oferta de complementos, os nenos e nenas deseñan e dan vida á súa propia marioneta ao mesmo tempo que traballan aspectos como:
- A sociabilidade: interactuando con outros nenos e nenas.
- A imaxinación: desenvolvendo historias fantásticas.
- A aprendizaxe simbólica: imitando sons de animais, o comportamento de persoas e profesións.
- As habilidades motrices: ao crear e manexalas coas súas mans.
- A linguaxe: falando, aprendendo palabras e novo vocabulario.
- Expresión emocional: reproducindo e interpretando, a través de xestos e movementos as emocións e sentimentos.
- Etc.
A través das súas pequenas manciñas, dando voz e movemento, transforman un obxecto inerte nun amigo de xogos.
PROFESORA SONIA FRANCO
Mestra de Educación Infantil