Encontro formativo para o profesorado novo de primeiro curso en Arcas Reais
O pasado sábado 5 de marzo reuníronse na residencia Arcas Reales (Valladolid) 55 profesores de primeiro curso da zona noroeste para viviren unha xornada formativa e de encontro. A esencia do educador, o traballo de acompañamento entre educadores e as características fundamentais do titor lasaliano foron os temas centrais do programa formativo. Desde o noso colexio asistiron Laura Vázquez, Suelky Rodríguez e Andrea Pérez.
A formación continua e o traballo cooperativo son dúas características fundamentais do colexio La Salle. DDentro do plan de carreira que a organización lasaliana traballa cos seus profesionais, está o seguimento e formación institucional do profesorado de nova incorporación para facilitar o proceso de adaptación inicial nos centros. La Salle é unha realidade moi ampla na que a palabra educar ten un significado moito máis amplo que o de contidos e conceptos docentes, e é fundamental que todos os profesionais sexan conscientes do seu propio carácter e valores.
A xornada comezou cunha reflexión inicial, a cargo do irmán José Antonio Ramos (delegado de Formación e Asociación), sobre a Coresma como tempo de esperanza e conversión, e a importancia de transmitir esta mensaxe a todas as comunidades educativas. Formamos parte dunha realidade global na que “a educación é a esperanza do mundo presente e do futuro, así como unha resposta profunda á chamada persoal do educador”, dixo o delegado da formación lasaliana. Despois de moito tempo para coñecernos e compartir inquedanzas e experiencias vividas nos centros, o horario de traballo da mañá centrouse na presentación da Guía de Benvida e na definición das características fundamentais do acompañamento na práctica educativa.
A dinámica da tarde, desde a temática da vangarda holandesa, alternou momentos de explicación e momentos para compartir en grupos mixtos. Despois dun espazo de reflexión común sobre os trazos elementais do titor lasaliano, os participantes puxéronse ao labor ao máis puro estilo Mondriaan e debuxaron sobre o lenzo a esencia do educador lasaliano. Unha xornada de encontro, formación e experiencia compartida para recargarmos pilas e seguirmos medrando e creando na escola do s. XXI.