Encontro de formación en Godly Play
Entre os días 19 e 21 de abril celebrouse un novo curso de formación en Godly Play na residencia vallisoletana de Arcas Reales. Marcos Febles -profesor de La Salle Santander- e mais o Ir. Jorge Sierra -delegado de pastoral do Distrito Arlep- foron os encargados de coordinar os tres días de encontro. Do noso colexio asistiron Mar Fernández, Carlota Blanco e Ana Isabel López.
Despois do merecido descanso de Semana Santa, e inmersos no tempo de Pascua, comeza a recta final do curso e a maquinaria de traballo retoma a actividade rutineira. Nesta ocasión, unha nova formación de narradores-porteiros de Godly Play; tres xornadas formativas nas que os asistentes puideron afondar nos principios pedagóxicos e teolóxico-bíblicos, a metodoloxía individual e os roles de actuación, a creación dun espazo sagrado e o uso axeitado dos materiais de traballo.
Durante os tres días, os asistentes tiveron sesións teóricas e prácticas nas que puideron interiorizar as Historias Sagradas, reflexionar sobre o desenvolvemento da espiritualidade na mocidade e traballar en tríadas as leccións litúrxicas que despois terían que expoñerlles, mediante recreación, ao resto de participantes.
A práctica de Godly Play é un xeito de animar os nenos a entrar en maiores dimensións da fe, a través de preguntas que fomentan a reflexión persoal e un tempo de resposta aberta. É unha maneira de preparar os nenos para participar no culto e a vida a medida que desenvolven unha comprensión cada vez máis intensa das narracións sagradas, os símbolos e os ritos comunitarios. A rede de obras educativas de La Salle Arlep incorporará esta metodoloxía no seu Novo Contexto de Aprendizaxe, a través de obradoiros experienciais dentro do programa de Ensinanza Relixiosa Escolar.