
E chegou o día
Despois de moitos ensaios, cambios, escollas de canción, vestiario, pasos… o 29 de abril celebrouse o Coreosar. 16 actuacións presentadas polos alumnos de 1.º de bacharelato, Irea Deive e Nicolás Fariña e xulgadas por un nutrido número de representantes da comunidade educativa: dúas nais da ANPA, dous profesores do centro, un irmán da Comunidade, unha alumna de bacharelato, unha exalumna e un antigo alumno que tamén é membro das laureadas Tanxugueiras. Toda unha honra.
Custou ben a deliberación, pois moitos niveis estiveron competidos, e tíñase en consideración tanto o voto dos alumnos como o do xurado, máis finalmente 1.º D, 2.º A, 3.º C e 4.º C resultaron gañadores. Foron agasallados cun día de praia, será o día 23 deste mes de maio.
Aínda cinguidos polos protocolos, o acto foi posible grazas á dispoñibilidade de moitos, máis cabe destacar a axuda desinteresada de alumnos como Carlos Arjona, que se fixo cargo da gravación e retransmisión en directo para os alumnos que o vían dende as aulas. Tamén deron a súa dispoñibilidade Pablo Domínguez e Iria Rey para facer as fotos.
En hora boa a todos, pois a mellor parte foi ver o crecemento que o proceso supuxo en unión das clases, coordinación, cesión por parte de moitos, estar pendente do outro e moita, moita ledicia.
Ata a próxima edición!
















