Xuntanza de xefes de estudos de educación secundaria
O grupo, integrado por 9 xefes de estudos de educación secundaria procedentes das diferentes obras da zona noroeste, reuniuse o xoves pasado, 21 de outubro, no colexio Nuestra Señora de Lourdes de Valladolid. Do noso colexio asistiu Xosé Ramón Pallares.
Terceira sesión de reflexión e revisión dos equipos directivos da zona noroeste. Nesta ocasión, foi a quenda dos xefes de estudos de educación secundaria Na mesma dinámica cás seccións de infantil e primaria, a reunión centrouse na análise do despregamento pedagóxico do Novo Contexto de Aprendizxe, metodoloxía propia dos centros educativos La Salle.
Desta volta, o labor coordinador de Iñaki Asegurado (Delegado de Educación) e o Ir. Francisco Mateo (Director da Rede) estivo acompañado da presenza de Javier del Valle (Coordinador do Equipo de Confianza NCA). Os temas que foron tratados concretáronse no plan de carreira profesional do corpo docente, a definición dos fluxos de comunicación e información coas familias, os avances e melloras técnicas da rúbrica de cualificacións a través da grella de notas de Sallenet e o plan formativo de narradores-porteiros de GodlyPlay. Como xeito de peche, os asistentes compartiron as perspectivas de implantación gradual nos diferentes cursos de secundaria para ir definindo o itinerario e a escala de aprendizaxe adecuada na realidade de cada centro.
O Novo Contexto de Aprendizaxe (NCA) é un marco pedagóxico e pastoral, con identidade propia, que presenta unha proposta organizativa, metodolóxica e de avaliación clara, que outorga sentido pleno á educación da persoa tratando de modo integral a súa dimensión emocional, cognitiva, corporal, social ou espiritual, no transcorrer das sucesivas etapas do seu desenvolvemento. O alumno convértese en protagonista da súa propia aprendizaxe.