Unha xornada para honrar o noso fundador
Os alumnos de Secundaria celebran as festas do colexio en honor a san Xoán Bautista de La Salle
O colexio La Salle, de Santiago de Compostela, celebrou o derradeiro día de abril a festas en homenaxe a san Xoán Bautista. O alumnado e o persoal docente da etapa de Secundaria do colexio foi convocado ás nove da mañá para participar nunha xeira festiva, marcada este ano polas restricións por mor do Covid 19. A pesar de todo, ninguén quixo perder este día festivo no que, por unhas horas, cambiamos a actividade docente por unha máis lúdica e festiva.
Ás nove e media, dende as propias clases, os rapaces e rapazas viron en directo a celebración da Palabra, dirixida por Mar Fernández, á que asistiu unha representación de alumnos e alumnas de cada clase, e que rematou coa interpretación do himno lasaliano por parte de todo o alumnado e profesores do colexio. Unha voz unitaria lanzada ao ceo de Santiago coa que poñemos en valor todo aquilo que nos fai mellores: o amor, a amizade, a transcendencia, o arraigo, a dedicación…
Contra as dez da mañá, o director saudou por megafonía a todos os alumnos e alumnas e a todo o persoal do centro; nesas palabras fixo fincapé na mensaxe que sempre transmitiu o noso fundador, unha escola para todos na que todos somos protagonistas. Posteriormente, a partir da dez da mañá, todo o alumnado da etapa puido ver o concurso de talentos; a pesar de que a pandemia nos impediu xuntarnos coma todos os anos nas butacas do teatro, non faltaron os aplausos nin os berros a favor dos mellores artistas do colexio.
Despois do recreo, procedeuse á votación das mellores coreografías de CoreoSar, un concurso onde cada clase tivo que amosar os seus dotes para o baile e, o que é máis importante, o resultado dunhas semanas de compenetración, traballo, dedicación e esforzo grupal para darlles un bo espectáculo aos seus compañeiros e compañeiras. Tras as votacións, nas que participaron todos os alumnos de Secundaria xunto cun xurado integrado polo irmán Reboiras, alumnos de Bacharelato, profesores de baile e membros da ANPA, leuse por megafonía o nome das clases gañadoras, que adozaron a gorxa cunhas lambetadas que souberon a gloria. Asemade, a través dunha videoconferencia en directo, puidemos comprobar a ledicia dos vencedores deste ano: 1º ESO D, 2º ESO A, 3º ESO D e 4º ESO A; parabéns para todos eles.
Como colofón a esta xornada festiva, os profesores e profesoras de Secundaria sacaron o ritmo que levan dentro e agasallaron o alumnado das distintas clases cun baile final que fixo a ledicia de moitos.