Unha nova promoción da ESO despídese nunha situación excepcional
- Categorías Actualidade, Secundaria
- Data Xuño 23, 2020
Para uns o mércores para outros o xoves, sen dúbida o venres foi o derradeiro día de clase do curso 2019-2020. Para os 120 alumnos da promoción de 4.º ESO era tamén unha despedida da etapa e cumpría unha ollada atrás, facer revisión, tomar conciencia do vivido, do aprendido, do sufrido e do gozado.
Nas distintas titorías houbo espazo para isto. Levouse a cabo a dinámica preparada dende pastoral para o fin de curso. Os estudantes tiveron as súas verbas nas que lembraron a algún compañeiro que tivo que marchar a outra cidade, aos profesores que xubilaron no curso... Tamén elaboraron un vídeo que partía da súa infancia, con fotos de cando eran nenos, e remataba coas súas experiencias colexiais máis recentes. Algúns tamén quixeron deixar a súa pegada nun simpático TikTok. Houbo delegados que prepararon e lle leron á clase o seu discurso de despedida, no que se lembraban as titoras de infantil, tamén os de primaria, mentaban a moitos profesores que deixaron pegada no seu percorrer polas aulas do colexio e pola vida; destacaban as calidades de moitos compañeros, sen a pretensión de nomear a todos mais recollendo a achega do grupo.
Moitos alumnos a título individual, tamén quixeron facer chegar o seu sentir enviando correos de agradecemento aos profesores. Os titores percibiron que os rapaces se sentiron acompañados e agradeceron a presenza e dispoñibilidade para a escoita que viviron.
O profesor Rilo dedicoulles un folleto de despedida cunhas verbas propias e alleas dedicado a toda a promoción nun tempo que "vivimos e rematamos perigosamente a través das nosas ventás."
Unha vez máis a creatividade e a expresión espontánea de cariño e proximidade protagonizou a fin dun curso, deste curso.
Luís Rilo