Back

Paul e Evan, os nosos auxiliares de conversa

Laura Mosquera

Un novo curso escolar remata, aínda que cun final un tanto distinto ao que estamos afeitos e afeitas. Mais iso non quita que sexa un momento para recordar a persoas que nos axudaron enormemente a través do seu portentoso traballo. Neste caso, dedicaremos unhas liñas para agradecer a Paul e Evan, os nosos auxiliares de conversa, os dous anos que pasaron no centro con nós.

Paul é procedente de Fairfield, unha pequena cidade que se atopa no estado de Iowa, en Estados Unidos. Incorporouse á etapa de Educación Primaria e conta con moitos anos de experiencia en distintas cidades e países do mundo, sendo así un regalo para unha mellor aprendizaxe significativa do noso alumnado. As nenas e nenos dos distintos niveis de primaria puideron gozar dunha sesión semanal na súa compaña. Dita sesión foi, na meirande parte dos casos, a de Arts & Crafts (plástica). Os coñecementos, a creatividade e o inmenso traballo que Paul compartiu con todo o alumnado e o profesorado da materia fixo que as clases se convertisen en momentos moi produtivos en todos os sentidos. Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de escoitar e falar cunha persoa cuxa primeira lingua é o inglés. Ademais, puideron crear arte mediante unha gran variedade de innovadoras actividades e técnicas.

Evan tamén é de Estados Unidos, mais procede do estado de Florida. Neste caso, foi o alumnado de Secundaria o que puido aproveitar a súa presenza no noso centro durante estes dous anos. Evan destacou polo seu traballo e compromiso co alumnado e co profesorado da materia. Colaborou e impartiu clase nas materias de Technology (tecnoloxía) e History (historia) nos distintos cursos de secundaria. A súa experiencia e os seus coñecementos fixeron que puidese traballar de maneira excepcional nas distintas sesións facendo uso da súa creatividade e innovación educativa.

As despedidas sempre tenden a ser tristes, mais todo o equipo de profesores e profesoras que tivemos a oportunidade de traballar con Paul e Evan non podemos máis que manifestar a nosa inmensa gratitude polo seu traballo, esforzo e colaboración co noso centro. As súas pegadas quedarán no noso alumnado en forma de coñecemento e experiencia. E nós, o profesorado de idiomas, non podemos estar máis felices por todo o compartido con eles.

Vémonos pronto! GRAZAS!

La Salle Santiago
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerle la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en su navegador y realiza funciones tales como reconocerle cuando vuelve a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentra más interesantes y útiles.