Paul e Evan, os nosos auxiliares de conversa
- Categorías Actualidade, Idiomas, Primaria, Secundaria
- Data Xuño 12, 2020
Laura Mosquera
Un novo curso escolar remata, aínda que cun final un tanto distinto ao que estamos afeitos e afeitas. Mais iso non quita que sexa un momento para recordar a persoas que nos axudaron enormemente a través do seu portentoso traballo. Neste caso, dedicaremos unhas liñas para agradecer a Paul e Evan, os nosos auxiliares de conversa, os dous anos que pasaron no centro con nós.
Paul é procedente de Fairfield, unha pequena cidade que se atopa no estado de Iowa, en Estados Unidos. Incorporouse á etapa de Educación Primaria e conta con moitos anos de experiencia en distintas cidades e países do mundo, sendo así un regalo para unha mellor aprendizaxe significativa do noso alumnado. As nenas e nenos dos distintos niveis de primaria puideron gozar dunha sesión semanal na súa compaña. Dita sesión foi, na meirande parte dos casos, a de Arts & Crafts (plástica). Os coñecementos, a creatividade e o inmenso traballo que Paul compartiu con todo o alumnado e o profesorado da materia fixo que as clases se convertisen en momentos moi produtivos en todos os sentidos. Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de escoitar e falar cunha persoa cuxa primeira lingua é o inglés. Ademais, puideron crear arte mediante unha gran variedade de innovadoras actividades e técnicas.
Evan tamén é de Estados Unidos, mais procede do estado de Florida. Neste caso, foi o alumnado de Secundaria o que puido aproveitar a súa presenza no noso centro durante estes dous anos. Evan destacou polo seu traballo e compromiso co alumnado e co profesorado da materia. Colaborou e impartiu clase nas materias de Technology (tecnoloxía) e History (historia) nos distintos cursos de secundaria. A súa experiencia e os seus coñecementos fixeron que puidese traballar de maneira excepcional nas distintas sesións facendo uso da súa creatividade e innovación educativa.
As despedidas sempre tenden a ser tristes, mais todo o equipo de profesores e profesoras que tivemos a oportunidade de traballar con Paul e Evan non podemos máis que manifestar a nosa inmensa gratitude polo seu traballo, esforzo e colaboración co noso centro. As súas pegadas quedarán no noso alumnado en forma de coñecemento e experiencia. E nós, o profesorado de idiomas, non podemos estar máis felices por todo o compartido con eles.
Vémonos pronto! GRAZAS!