Mestre, compañeiro, amigo · Grazas, Graciano
- Categorías Actualidade, Colexio
- Data Xuño 8, 2020
Unha sorte! Un agasallo!
Marco Diéguez
Era o ano 1982 cando coincidimos por primeira vez nunha clase, o meu profesor de matemáticas e titor en 6º de E. G. B. Tiven a grandísima sorte de ser alumno teu durante 3 anos e comprobar a túa vocación, a túa dedicación e a túa entrega á tarefa docente. Sempre preocupado porque os teus alumnos entendésemos aquilo que explicabas; buscando sempre momentos, dentro ou fóra do horario escolar, para aclarar aquelas cuestións que non quedaran suficientemente claras. Tamén lembro aqueles partidos de fútbol no patio do colexio cos internos e con todo aquel que se animaba a xogar.
Dez anos despois, no ano 1992, volvemos atoparnos dentro dunha clase, agora como o meu titor de prácticas, mentres cursaba o terceiro ano de maxisterio. Grazas a esa oportunidade, puiden gozar unha marabillosa experiencia na que descubrín a miña vocación docente; vendo a túa forma de ensinar, a túa proximidade e a túa preocupación polos alumnos. Encantoume esa ilusión e ese estilo tan persoal que poñías no que facías.
A partir do ano 1993, xa como compañeiro teu despois de empezar a traballar no colexio, puiden comprobar que ese talante ía máis aló da túa maneira de ser como educador e que caracterizaba tamén a túa maneira de ser como persoa. Desde ese momento, ata hoxe e por sempre; podo considerarche compañeiro, modelo a seguir e amigo, co que seguir facendo camiño.
Dedicación, esmero, responsabilidade, entrega, discreción, proximidade, paciencia, agarimo, preocupación, ilusión… Todas estas palabras defínenche, pero cantas máis se poderían engadir. Estou seguro que esta non é só a miña opinión, senón a de centos de alumnos, centos de familias, centos de educadores e amigos que compartimos a nosa vida contigo e sentímonos orgullosos de ter esta oportunidade. En Santiago, dicir La Salle é dicir Graciano e dicir Graciano, é dicir La Salle.
Despois de máis de 40 anos de dedicación e entrega a La Salle, xubílasche. Xubílasche dunha tarefa docente que sempre levarás dentro. Nunca te xubilarás como compañeiro e amigo, porque sempre formarás parte de nós, porque como moi ben di a canción, a nosa canción:
ti ensináchesme a voar,
amigo, irmán, mestre,
algo de ti levarán,
sempre terás un lugar no meu corazón de neno,
compañeiro de camiño, ti ensináchesme a voar.
Isto non é unha despedida, non é un punto e final, é un punto e seguido porque quero, queremos, seguir facendo camiño contigo.
Unha sorte! Un agasallo!
Grazas.