
XUNTANZA DE FAMILIAS
“Non hai dúas persoas que lean o mesmo libro”
Edmund Wilson
Comezamos esta semana dedicando unha parte da nosa reunión de familias de Infantil a ese mundo máxico das palabras. Palabras que as nosas nenas e nenos escoitan primeiro, comezan a ler despois e que sempre se revelan como imprescindibles no desenvolvemento do pensamento e da emoción.
Familias e profesoras unindo esforzos nunha tarefa común cuxo obxectivo primordial é formar lectores competentes e felices, que descubran entre as páxinas dun libro novas sensacións, emocións e ideas e, sobre todo, que aprendan a gozalo.
Desexamos que esa pequena guía que vos entregamos, confeccionada desde o Equipo de Lectura, axude a sacar “partido lector” ás actividades realizadas no ámbito familiar!
A segunda parte da xuntanza, nas aulas, estivo tamén chea de palabras para facervos partícipes dos nosos proxectos, actividades e experiencias que irán conformando o noso día a día.
Só nos queda esperar, coma se dun bo libro se tratase, que en cada experiencia se mesture o desexo de saber como acaba con non querer que remate nunca…
Alicia López García
Profesora de Educación Infantil

