Saída ao Museo do Pobo Galego
Que fermosa tarde tiveron a sorte de desfrutar as nenas e nenos de primeiro de Primaria.
Estas semanas estamos a traballar o proxecto NCA número tres do trimestre, chamado “Este museo está moi vivo”. Xa que temos a sorte de ter museos tan famosos e interesantes ao redor do noso colexio, non quixemos perder a oportunidade de ir visitar un deles para así poder ver nun contexto real tódalas cousas que estamos a traballar nas aulas.
Desta vez tocou: O Museo do Pobo Galego.
O alumnado mostrouse moi emocionado ante a idea de visitar un museo tan importante. Ademais, para gozar máis da visita, os nenos e nenas visitaron as distintas salas do museo seguindo as pistas dun xogo: “Coscobellos ao cesto!”. Os cativos tiñan que fixarse moito para intentar atopar as ferramentas necesarias para atrapar ao coscobello, un personaxe da nosa mitoloxía moi escorregadizo, tanto que para atrapalo precísase de moito tino e uns cantos trucos. Algúns nenos e nenas aseguran que viron as súas pegadas nalgunha das salas!
Foi unha experiencia moi boa na que profesorado e alumnado nos divertimos e aprendemos xuntos moitas cousas!