Roteiro das Letras Galegas!
O martes 23 de abril, o alumnado de 5º de Primaria participou, xunto con outros colexios de Santiago, no chamado Roteiro das Letras Galegas.
Empezaron todos xuntos na Alameda, a carón da estatua de Rosalía de Castro. Alí os participantes leron unhas palabras sobre os máis destacados escritores e escritoras galegas e declamáronse poemas dos mesmos. Unha regueifeira amenizou a todos os nenos e nenas cunhas divertidas regueifas e remataron bailando todos e todas xuntos.
A continuación, cada colexio seguiu un roteiro diferente. No caso do noso colexio, visitamos lugares de interese en Santiago, en canto que gardan relación coa vida de Rosalía. Desta maneira, o alumnado tivo a oportunidade de saber onde naceu a poetisa, visitaron o lugar onde foi bautizada, dúas das residencias onde viviu e o lugar onde se atopan os seus restos.
Foi unha mañá divertida, de aprendizaxe fóra da aula e de convivencia con outros colexios, que os rapaces e rapazas valoraron de forma moi positiva!