O Alumnado de 3.º de ESO asiste a unha clase maxistral de Javier Gómez Noya
O alumnado de terceiro da ESO asistiu a unha clase maxistral simultánea con outros centros educativos espallados por Madrid, Bilbao, Barcelona e Valencia co atleta de elite Javier Gómez Noya. Os seus éxitos deportivos sitúano no Olimpo dos atletas. Ata o de agora gañou o campionato mundial cinco veces, o campionato europeo catro e unha medalla olímpica de prata en Londres 2012.
Dedicou o seu discurso principalmente ao tema do alto rendemento dos atletas de elite en tempos de pandemia, como adestran, como se manteñen no seu nivel máis alto a pesar de que as competicións se suspenden ou adían na súa totalidade.
Gómez Noya transmitiu unha sólida reflexión sobre a constancia, o esforzo que supón ser atleta campión do mundo, a importancia do adestramento, a saúde e a nutrición. Tamén houbo tempo para a participación e a interacción, cunha conversa que alimentou a ilusión dos rapaces e rapazas e o seu desexo de practicar deporte; reflexionou tamén sobre a necesidade de manter hábitos saudables na vida.
A actividade foi promovida pola Denominación Ternera Gallega e realizada por Xurdir Audiovisuales, a quen lles agradecemos a oportunidade de termos participado.