
Monicreques
En primeiro de Secundaria estamos a implantar o NCA neste curso. O que se busca neste proxecto é poder ter unha didáctica máis activa e aplicada para que as aprendizaxes dos alumnos sexan máis permanentes e significativas.
O luns 26 de setembro comezaron a traballar a primeira narrativa, que é o nome que damos ó momento no que traballamos un tema de xeito interdisciplinario. Nesta narrativa buscamos coñecer a orixe do universo, así coma os personaxes que serviron de “estrelas” ou guías nas diferentes disciplinas, de aí o nome da narrativa: “Estrelas”.
Como produto final desta narrativa estivo o preparar unha actuación de monicreques para os alumnos máis pequenos do colexio no que explicaran como foi a orixe do universo.
Foi unha experiencia moi positiva e bonita, na que tanto maiores, a pesar dos nervios, e pequenos, abraiados polos monicreques dos seus compañeiros maiores, disfrutaron dun momento moi bonito.

