Internivel de inglés
Todos sabemos que hoxe en día, o inglés é unha ferramenta de comunicación fundamental. Un dos principais propósitos da aprendizaxe de linguas estranxeiras é a capacidade de comunicarse en situacións reais e cotiás. Para que isto sexa posible, resulta necesario que os alumnos e alumnas se sintan motivados e conten cunha actitude positiva cara ao idioma.
Enfocar o ensino-aprendizaxe dun idioma estranxeiro a través do XOGO, é unha oportunidade única para xerar a necesidade do uso desa nova lingua. Os xogos son a ligazón motivacional que proporciona un contexto de aprendizaxe relaxada e significativa para as nosas pequenas e pequenos.
Por iso e durante este trimestre, no Internivel de inglés, deixaremos voar a nosa imaxinación para converter a nosa aula nun restaurante, un supermercado ou unha tenda de roupa. É dicir; xogaremos, cantaremos, actuaremos e… o que é máis importante, DIVERTIRÉMONOS, favorecendo un clima relaxado e distendido que incite á participación dos alumnos e alumnas espertando a súa curiosidade polo novo idioma.
So… let´s go shopping!!
PAULA PÉREZ
Profesora de inglés