
Imos coñecer o noso concello!
O mércores pola mañá as nenas e nenos de primeiro de primaria tiveron a sorte de facer unha pequena saída cultural á zona vella de Santiago.
O profesorado e o alumnado de primeiro de primaria leva tres semanas inmerso nun interesante proxecto no que traballaron múltiples aspectos sobre a súa localidade. Como parte deste proxecto, e para darlle un maior significado aos contidos adquiridos, decidimos saír á rúa para coñecer e observar de cerca todo o traballado e aprendido nas aulas.
Como gozaron as nenas e nenos durante a saída! Fixábanse en todos os edificios, prazas e monumentos. Estaban atentos aos distintos servicios públicos e privados que atopaban polo camiño. Observaron o edificio do Concello de Santiago, así como a catedral dende as distintas prazas.
O profesorado non pode estar máis contento co bo comportamento que demostrou ter o alumnado!
Repetiremos!


