Festas La Salle 2021: distancia social-cercanía nas emocións
Non podía faltar a cita anual coas Festas do Colexio, na honra de San Xoán Bautista de La Salle.
Despois da celebración virtual do ano 2020, este curso tiñamos claro o desexo de compartir actividades, música e xogos.
Mantendo todos os protocolos necesarios fomos quen de ter acto de inauguración, tarde de baile, mañá de xogos, teatro e celebración en lembranza de Xoán de La Salle.
Botamos en falla a solemnidade doutros anos, o desfile de nenas e nenos de Educación Infanti, o izado de bandeiras, o alcendido da chama no pebeteiro, o baile de xigantes e cabezudos…
Mais, con esforzo e, sobre todo, ilusión por parte do alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, logramos dous días de diversión, de convivencia e de celebración que a todos, grandes e pequenos, servíronnos para lembrar que a vida sempre se abre paso, que a ledicia é o mellor remedio nas situacións complexas e que “o compartir” é a mellor das curas cando as cousas non veñen ben dadas.
A través das máscaras adiviñábanse as risas, o brillo dos ollos reflectía a alegría, os acenos das mans expresaban as gañas de celebrar xuntos. Para todos foi o reencontrármonos e recoñecérmonos como Colexio La Salle.
Quedamos coa satisfacción de termos gozado dunhas festas un pouco distintas pero cheas, seguro, de VIDA.