Excursión de Asturias 6º primaria
O día 5 de xuño o alumnado de sexto de primaria mais o seu profesorado, poñía rumbo a terras asturianas e cántabras, comezando así unha bonita experiencia de cinco días con actividades moi divertidas.
O primeiro día escalamos árbores e divertímonos moito nas tirolinas da Selva Asturiana.
O parque natural de Cabárceno estábanos esperando ao día seguinte. Aprendemos moitas cousas da natureza, vimos toda variedade de animais, desfrutamos de exhibicións e rematamos cun marabilloso paseo en teleférico.
O terceiro día tocounos o descenso do Sella, que foi unha das actividades estrela, cos baños no río e as bromas entre piragüistas. Esa mesma tarde achegámonos ao interesante mundo dos dinosauros coa nosa visita ao museo xurásico, onde as explicacións dos guías ilustráronnos no coñecemento destes prehistóricos animais.
No cuarto día gozamos dunha visita guiada mais unha ruta de sendeirismo polos Picos de Europa. Ademais, pola tarde liberamos adrenalina nunha trepidante sesión de paintball en Cangas de Onís.
O derradeiro día de excursión visitamos o acuario de Xixón, onde puidemos ver gran variedade de fauna mariña, que curioso nos resultou a todos ver a simpática cara do axolote. A nosa última parada foi na praia das Catedrais vindo xa de camiño para casa, cargados de anécdotas para contar e lembranzas para a vida.
Esperamos con moitas ganas repetir o próximo ano!
Profesores Marco, Álvaro e Vanessa