Encontro de formación de novos delegados de pastoral
A semana do 24 ao 28 de xaneiro celebrouse en Griñón (Madrid) a primeira semana presencial do encontro Betel, orientada á formación de novos responsables de pastoral curricular e extracurricular. Do noso centro asistiu María Chao, coordinadora local de pastoral.
A pastoral é unha dimensión nuclear nos centros educativos La Salle. Ao longo dos máis de 300 anos de vida que ten o Instituto, foron moitos os educadores que acompañaron de preto os procesos persoais e crentes dos máis novos. Achegar unha fe renovada acorde ao momento presente, segue sendo un reto actual na misión, a visión e os valores lasalianos.
Desde as orixes ata hoxe, a institución La Salle sempre tivo claro que o éxito na educación ten a súa base na formación continua do equipo humano. Por esta razón, os delegados de pastoral de España e Portugal que inician a súa andaina na pastoral, participaron dun encontro formativo celebrado en Griñón, Madrid. Na semana do 24 ao 28 de xaneiro, os asistentes compartiron tempos de traballo e reflexión ao redor da experiencia pastoral, a espiritualidade lasaliana, o acompañamento persoal e o marco de actuación do Novo Contexto de Aprendizaxe -metodoloxía recentemente implantada polos centros educativos de España- na proposta de evanxelización curricular.
O H. Jorge Sierra (delegado de Pastoral do Distrito Arlep), en colaboración con outras figuras representativas do equipo distrital, foi o encargado de orientar, coordinar e acompañar o desenvolvemento das diferentes dinámicas pastorais. Sen dúbida, unha gran experiencia a vivida polos delegados locais de pastoral, que terá a súa continuidade na semana do 14 ao 18 de marzo.