
E CHEGOU O ENTROIDO A INFANTIL!
A semana pasada o colexio encheuse de emocións.
Seguindo as indicacións do Meco e, relacionado co proxecto da prehistoria no que estamos a traballar,cada día da semana tiñamos que vir ao cole cun complemento diferente, para rematar o xoves enchendo as aulas de infantil de verdadeiros cavernícolas.
Ese mesmo xoves recibimos a visita dunha Xeneral do Ulla, vestida cun traxe marabilloso e un sombreiro cheo de plumas e contas, e que moi amablemente nos explicou todo o relacionado co Entroido desa comarca de Galicia. Os nenos e nenas estaban abraiados.
Pola tarde, e grazas á colaboración das familias, celebramos unha estupenda merenda con doces típicos do Entroido e moitos xogos e bailes.
E por último, o venres puidemos vir ao colexio co noso disfraz favorito e, ao longo da mañá, recibimos a visita dos membros da AMPA que nos deleitaron cun fermoso conto de animais escenificado por eles mesmos.
QUE SEMANA TAN DIVERTIDA!
Equipo Didáctico de Educación Infantil





