Celebramos o Día do Pixama na Semana dos Dereitos do Neno
O 20 de novembro celébrase o Día dos Dereitos do Neno e non deixamos pasar a ocasión. Chegounos unha preciosa iniciativa desde a Asociación Acougo e unímonos a ela coa implicación e o entusiasmo do profesorado e mais do alumnado de Infantil e de Primaria.
Dedicamos estes días á realización de actividades de motivación na reflexión que compartimos cada mañá e, para rematar a semana, preparamos unha dinámica especial facendo fincapé no Dereito á familia.
Con esta dinámica queremos facer visibles a todos os que viven en fogares de acollida, a todos eses nenos e adolescentes que non teñen o acubillo e a protección necesarios da propia familia para o seu crecemento persoal e social. Tamén queremos resaltar a importancia da familia e facernos conscientes da existencia de todos os rapaces que viven nesa situación e ata agora non lles poñemos cara.
No acto final realizado no patio compartimos estas palabras co noso alumado:
O pixama e a bata levádela na casa. Se pensades un pouco levádela posta cando estades a gusto. […]
Pois hai nenos e nenas preto de nós que non teñen eses momentos especiais. Estes raparigos non poden ser atendidos polos seus pais porque teñen moitos problemas. Estes nenos son os que viven en centros de acollida […].
Pero haivos mamás e papás que abren o seu corazón e a súa casa para que estes nenos escoiten fermosos contos, celebren festas de aniversario, gocen dos momentos de pixama e bata como facemos todos nós. Eles son os papás e mamás de acollida e desenvolven un traballo estupendo. Para renderlles homenaxe, vestimos hoxe esta bata e lembrámolos a eles, aos nenos que están en centros de acollemento e a todos aqueles que están nas casas de familias acolledoras.
Todos e todas temos dereito a que os papás e as mamás se enfaden con nós, a que nos rifen, a que nos dean apertas, a que nos biquen, a que nos leven a actividades. Todos temos dereito de ter un lugar onde poñer bata e pixama todos os días.