Despedida 2.º Bacharelato
O pasado mércores 12 de maio celebramos no colexio o acto de despedida da promoción de alumnos de 2.º de Bacharelato.
Este ano, dadas as circunstancias, só puideron estar presencialmente os alumnos e alumnas e unha representación do profesorado, no teatro. O acto retransmitiuse en directo grazas á colaboración da ANPA a través do canal de youtube do colexio e foi moi seguido, chegando nalgún momento ás 284 conexións. Aínda se pode visionar entrando neste canal.
Comezamos cunha celebración relixiosa conducida pola encargada de Pastoral Curricular, Mar Fernández, que resultou moi emotiva. Despois foi o turno dos discursos, a cargo do director do colexio, Jesús Martín, e os delegados e delegadas das clases, que fixeron unha lembranza do seu paso polo colexio dunha forma moi divertida.
Unha vez rematados os discursos procedemos á imposición de becas e pins, sempre cumprindo todas as medidas sanitarias, a cargo do Equipo Directivo e Titores de 1.º de Bacharelato. Coas becas postas sacaron unha foto por grupos e os titores de 2.º déronlles unha copia da orla xunto con un delicioso agasallo.
Tamén quixemos ter un recoñecemento especial para os alumnos que se graduaban no Bacharelato Dual, e os subdelegados entregaron despois un ramo de flores aos titores en agradecemento polo seu traballo. Cunha brillante actuación musical a cargo de varios alumnos e a proxección dun vídeo moi emotivo coas mensaxes de varios profesores rematamos o acto, sacando unha foto por clases nas escaleiras da entrada.
En definitiva, un acto plagado de emocións co que despedimos a esta promoción tan especial polas circunstancias que lles tocou vivir no confinamento e durante este curso, desexándolles moita sorte no futuro.