Charla do Dr. Ángel Carracedo
O Dr. Ángel Carracedo visitou o luns, 13 de marzo, o noso colexio de La Salle para darlles unha charla ao alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato.
O doutor Carracedo é un médico-investigador de gran prestixio internacional, que dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Xenotipado. Os seus campos de traballo son, sobre todo, a xenética forense, a farmacoxenética e a oncoloxía clínica. Publicou máis de 800 artigos en revistas de fama internacional e recibiu numerosos premios; tamén é Doutor Honoris Causa por varias universidades. Ademais do seu impresionante currículo, fai un gran traballo divulgando a ciencia nas escolas.
Na charla explicounos, dun xeito moi didáctico e claro, os conceptos básicos da xenética para comprender o traballo que realiza nas súas múltiples liñas de investigación. Comezou pola molécula de ADN e como funciona, ata chegar ás técnicas máis avanzadas da biotecnoloxía xenética. Tamén compartiu connosco a súa experiencia vital, falando de ciencia, universidades e investigación. Asesorou os estudantes nas súas múltiples dúbidas sobre a toma de decisións para o seu futuro e salientou a importancia da investigación en todos os ámbitos profesionais, dende a súa ampla experiencia coordinando equipos multidisciplinares en todo o mundo.
O doutor Ángel Carracedo animou os nosos alumnos a perseguir os seus soños, con esforzo e traballo, pero sen esqueceren que tamén deben buscar a felicidade no ámbito profesional.
Toda a comunidade educativa do Colexio La Salle de Santiago está moi agradecida pola oportunidade que nos brindou de compartir o seu tempo e experiencia connosco.