
Apoiamos e comprometémonos coas especies autóctonas da nosa terra
O pasado venres, o alumnado de 2º de primaria do noso colexio acudiu con moita ilusión a plantar carballos nunha finca situada ao lado do río Tambre como parte da campaña impulsada polo Concello de Santiago “1 voto, 1 árbore”.
Como é ben sabido, o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo foi o gañador do concurso <<Árbore do ano en España 2022>>. Desta maneira, converteuse no representante do concurso a nivel europeo que se celebra neste ano <<Tree of the Year 2022>>. Este impoñente carballo conta con máis de 250 anos de antigüidade, converténdose na árbore máis veterana do histórico Banquete de Conxo. A campaña previamente citada impulsada polo Concello ten como obxectivo acadar os 100.000 votos que en anos anteriores foron necesarios para obter a vitoria. O Goberno local compostelán comprométese a plantar o mesmo número de especies autóctonas de aquí ao 2030, dos que 19.000 plantaríanse ao longo desde ano.
As nenas e nenos de 2º de primaria foron invitados a participar na plantación de árbores autóctonas de Galicia como parte desta campaña. Tanto o alumnado coma o profesorado acudiron con moito entusiasmo á cita. Despois dunha curta viaxe en autobús e unha fermosa andaina chegaron á finca onde, coa axuda de monitores, plantaron sobre 90 carballos. Tiveron a sorte de poder gozar dunha soleada mañá para levar a cabo esta preciosa experiencia que estamos seguras de que ninguén vai esquecer.
Ademais, como parte tamén desta campaña, o alumnado de 5º de primaria acudiu a unha exposición fotográfica na Praza de Cervantes sobre árbores senlleiras de toda España na que tiveron a oportunidade de aprender numerosas curiosidades.
Como nos gusta aprender a base de experiencias, e se ademais colaboramos co medio ambiente, mellor que mellor!






