AMIGOS PARA SEMPRE
“Nenos seremos e nenos somos
se ti mírasnos aos ollos.
Somos maiores, sendo pequenos
e en corazón imos crecendo”
CRISTINA CASTRO
Como continúa a canción; “tres anos pasaron xa…” Chegou o momento de celebrar eses primeiros pasos na vida e na comunidade que nos acolle. Un hall de entrada, un recibidor, unha sala de acollida a todo o que na vida dos nosos pequenos e pequenas espéralles.
Os últimos días na etapa de Educación Infantil están cargados de miradas directas, abrazos intensos e agradecementos sinceros. Últimas excursións, últimas manualidades, últimos traballos, últimas conversacións… últimos momentos do que temos por “cotián”. O temor ao descoñecemento mestúrase coa novidade do que está por chegar e, por suposto, as profesoras Sita, Puri e Sonia, acougamos con amor eses pequenos medos enxalzando as novas experiencias e oportunidades que chegan.
Reunimos ás familias nun último acto de despedida, onde despois dunha divertidísima actuación do Mago Román, subimos ao escenario posicionando os pequenos corazóns ante as miradas das familias e irmáns, mentres ás nosas costas, e en cada unha das nosas camisetas, portamos unha “sopa” de cores que reflicten o nome dos nosos acompañantes durante estes tres últimos anos. Un momento entre flores de bonitas cores que gardaremos nas nosas pequenas memorias ao son do ukulele da profesora Cris e as nosas pequenas e grandes voces.
Despedir emocionados… pais, nais, nenos, nenas, profes… e nos últimos abrazos asinamos ese implícito contrato que confirma o acordado: AMIGOS PARA SEMPRE
SONIA FRANCO
Mestra de Educación Infantil