ABRINDO PORTAS
«Sempre hai un momento na infancia no que se abre unha porta e deixa entrar ao futuro»
Graham Greene
Hai xa unha semana dende que as aulas de 3A, 3B e 3C se abriron para recibir aos máis pequeniños do colexio. Celebramos con alegría un proceso adaptativo no que os seus sorrisos e expresións de tenrura, confírmannos un gran proxecto educativo e emocional en camiño.
Son estes primeiros días onde a nova cotiandade irrompe e transforma a vida dos recentemente chegados ao noso colexio. Eses nenos que, cos seus pequenos corpiños e expresivas miradas, exploran un novo mundo que se abre ante eles.
As primeiras rutinas, as primeiras visitas ao baño, os novos camiños a patios de xogo compartido, agarrar as mans dos novos coñecidos, impresionarse ante corredores repletos de vida e novos sons, mirarnos nos ollos de quen nos mira…
Non pode haber camiño máis enriquecedor
que o da propia vida!
SONIA FRANCO
Mestra de Educación Infantil